17/02/2016

Dende o 1 de xaneiro, as indemnizacións por morte en accidente de tráfico crecen ata un 50%

Vas pola estrada e atopas un sinal luminoso que che obriga a reducir a velocidade bruscamente. Avanzas e comprobas que se produciu un accidente. Miras cara a outro lado e desexas que non fose grave. Aínda que pensas que afortunadamente non fuches ti, recordas automaticamente que o teu seguro te protexe e indemniza no caso de que o necesites.

O pasado 1 de xaneiro entrou en vigor a Lei de baremo de accidentes, que establece o sistema para a valoración de danos e prexuízos causados ás persoas en accidentes de circulación; ademais este baremo tamén é aplicable a outro tipo de accidentes, como os de traballo ou os sufridos pola mala praxe médica.

Unha das novidades máis importantes é o incremento das indemnizacións por morte cunha media do 50%. Tamén se elevan as indemnizacións por secuelas outro 35% e as indemnizacións por lesións increméntanse un 12,58% de media.

 

Que cambia?

Aparecen novos beneficiarios, que se clasifican como prexudicados, como irmáns maiores de idade, parellas estables, menores que conviven con familiares que non son os seus pais biolóxicos, basicamente os achegados que convivisen familiarmente coa vítima durante un mínimo de cinco anos.

E varía o método de cálculo da indemnización para a vítima, incluíndo o “lucro cesante”, que é a perda de ganancias como consecuencia dun dano que, de non se ter producido este, obteriamos.

A nova Lei terá en consideración os ingresos da vítima, o traballo que pode desempeñar dentro do fogar e a perda de capacidades futuras para menores ou estudantes.

Os “corredores” de seguros aplaudimos a reforma xa que nos colocamos de parte do consumidor e cremos que é unha reforma que beneficia as vítimas porque mellora as súas coberturas.

Tamén compartimos as declaracións de Rafael Catalá, ministro de Xustiza dende o 19 de setembro de 2014, cando afirma: “o seguro desempeña un papel que desborda labores puramente económicas para converterse nun factor de cohesión social, cunha importante contribución ao benestar dos cidadáns, xestionando ben temas complexos”.