“Vamos de paseo, en un coche feo…”

Antes de saír asegúrate de que o coche está calzado adecuadamente; os pneumáticos caducan e desgástanse igual que as pastillas de freo. Comproba que os líquidos de freo, limpaparabrisas, auga, dirección e refrixeración alcanzan niveis óptimos. E que as luces e batería teñan suficientes días, meses, anos de funcionamento.

Non perdas os papeis

Non levar a documentación obrigatoria custarache 10 euros por cada ausencia. Ten á man o carné de conducir, o permiso de circulación e a tarxeta de Inspección Técnica do Vehículo co informe da ITV actualizado e o seu adhesivo no parabrisas. Non ter pasada a ITV podería afectar o seguro negativamente en caso de sinistro.

Se sofres unha avaría, utiliza o triángulo e un chaleco por pasaxeiro. Tamén che recomendamos unha caixa de primeiros auxilios para emerxencias con: repelentes de insectos, analxésicos, antiinflamatorios, protector solar, biodramina e apósitos para primeiras curas.

Un clip, un arame…

Ou corda, bridas… algo que che axude cando se desprenda unha peza do coche.

En caso de emerxencia o mellor amigo é o cúter ou a tesoira para cortar o cinto de seguridade. Un bo martelo para romper os vidros se a porta está bloqueada (sacando o cabeceiro dos asentos tamén pode funcionar). Unha lanterna con pilas para a escuridade.

Eu tamén levo un paraugas, un cargador para o móbil e bolígrafo con papel para encher o parte de accidente.

Bon voyage!